Thursday 02 de May de 2024

A Xunta salienta o esforzo da industria galega por adaptarse aos obxectivos ambientais da UE para facer fronte ao cambio climático


A responsable autonómica incide na importancia de que tamén desde o eido privado e empresarial se dean pasos para avanzar cara a un modelo máis sostible

O centro vigués do grupo automobilístico, que aposta polo modelo ‘Green Factory’, alberga nas súas instalacións dúas estacións de calidade de aire de MeteoGalicia

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou hoxe o esforzo e a capacidade de adaptación da industria galega para converxer cara aos obxectivos ambientais fixados pola UE co fin de facer fronte ao cambio climático e mellorar desde o punto de vista da transición enerxética.

Co gallo da Semana de Medio Ambiente, a conselleira visitou esta mañá as instalacións de Stellanis en Vigo, un complexo que aposta polo modelo industrial sostible do grupo automobilístico —o chamado Green Factory— e que percorreu acompañada polo seu director, Ignacio Bueno, e outros membros do equipo directivo para coñecer as liñas xerais da xestión medioambiental da planta.

Durante a visita, explicáronlle algúns dos puntos clave do modelo que aplica Stellantis en Vigo, subliñando especialmente as medidas orientadas a acadar a medio prazo a pegada de carbono 0 pola vía da redución das emisións ou o tratamento dos residuos que xera a propia planta, que no último ano consolidou unha ratio de valorización de preto do cen por cento.

Ao respecto, a conselleira lembrou que ese compromiso co medio ambiente se reflicte tamén noutros xestos, como o feito de que dentro da factoría viguesa estean localizadas dúas das catro estacións de medición da calidade do aire que ten MeteoGalicia na cidade.

Así mesmo, Ángeles Vázquez felicitou á compañía pola súa xestión ambiental do centro de Vigo, que dentro do grupo internacional ocupa unha das primeiras posicións desde o punto de vista da sostibilidade. Neste sentido, incidiu na importancia de que non só a Administración camiñe cara a un modelo verde e sostible, senón que tamén desde o eido empresarial se fagan esforzos para avanzar na mesma liña e nuns obxectivos comúns.

Por último, a conselleira tamén salientou o traballo realizado nos últimos anos pola Xunta, coa Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación á cabeza, para apoiar e facilitar ao tecido industrial da Comunidade esa imprescindible transición cara a uns estándares máis verdes e en liña cos obxectivos que en materia de enerxía e emisións de CO2 están a fixar as autoridades comunitarias.